Celebración do V Campionato de pesca “Terra de Melide” organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”
Por fin chegou o día e as fadas foron favorables, xa que os agoiros dalgúns de que seguiría o mal tempo non se cumpriron. Este pasado sábado 10 de abril en Melide, celebrouse o V Campionato de Pesca. A organización reloucaba de ledicia, nunca tal se vira, 107 participantes inscritos para esta edición. Esa é unha proba de que a medida que pasan os anos xa se vai estendendo a súa sona por terras máis afastadas. Pescadores de Santiago, de Lugo, da Estrada e mesmo un de Portugal tentaron a sorte para poder participar. Algúns comentaron: “Xa temos un campionato internacional!”. A directiva da Asociación, coa seriedade que o acto requiría procedera o día 8 ao público sorteo. Mágoa que dos 107 só puidesen participar 15, (os pases permitidos por día para o couto do Río Furelos) Seguindo as normas o gañador do campionato do ano anterior participa por dereito propio sen entrar no sorteo, mais este ano, unha lesión inoportuna de nocello deixouno fóra da com-petición. Isto posibilitou a entrada dun participante máis no sorteo, reservándolle esa praza ao cam-pión ausente para o próximo ano.Comezou a xornada cunha mañá fresca pero espléndida. Despois de xuntárense os participantes e organizadores como estaba previsto na churrería O Burato, onde se deron as derradeiras instrucións, baixouse ao Furelos. Ao que máis e ao que menos a ansia petáballe no peito por chegar canto antes ao río e demostrar as súas habelencias.
Unha vez alí, cada pescador contou cun tramo de 750 metros, previamente sinalizado pola orga-nización. Tramos que foron sorteados entre os participantes que en todo momento foron acompaña-dos por cadanseu xuíz. E ás 8,30 deu comezo a competición que rematou concentrándose todos ás 13 horas na praia fluvial. Alí, mentres a organización agasallaba aos participantes cuns pinchos, levouse a cabo o reconto das capturas e a medida das mesmas. Este reconto deu o seguinte resulta-do:
1º Premio para o mozo de vinte anos José Manuel Cea Vázquez, que ademais conseguiu o pre-mio á captura máis grande cun exemplar de 28 cm.
2º Premio para Jorge Pazo Sánchez.
O 3º premio conseguiuno o representante de alén das nosas fronteiras, o portugués Jaime Ma-nuel Alves.
Na mesma praia fluvial tributóuselles un recoñecemento simbólico aos gañadores, porque a en-trega de premios ficou reservada para o xantar que inmediatamente se celebrou na Cervexería Orois de Melide ao que asistiron autoridades do Concello. A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, fixo entrega do 1º premio e ademais premio á captura máis grande, que este ano recaeu no mesmo parti-cipante. Por outra parte, o Primeiro Tenente de alcaldesa Manolo Prado e o Concelleiro de Depor-tes Antonio Varela fixeron entrega do 2º e 3º premio. Como a Asociación non quixo que ningún dos participantes se fose de mans baleiras, o seu Presidente e mais o Secretario fixéronlle entrega de premios e material de pesca ao resto dos participantes.
A sobremesa de irmandade prolongouse en agradable compaña porque o participante da Estrada José Manuel Ruibal agasallou aos presentes cun amplo repertorio de pezas executadas co seu acor-deón coas que, ademais de acompañar as cantigas dos presentes, demostrou que o tempero que hai que ter coa cana non está rifado con outras actividades artísticas.
Finalmente, a directiva da Asociación de Troiterios “Río Furelos” quere rematar este comunica-do felicitando publicamente aos gañadores e en xeral a todos os participantes pola corrección coa que se desenvolveron no campionato e agradecer, máis unha vez, o esforzo de todos os que colabo-raron na organización deste evento.
O Presidente da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”
Xavier Pazo Blanco
Melide, 10 abril 2010